HISTAMÉRICA

Grupo de investigación de Historia de América de la Universidad de Santiago de Compostela

Defensa da tese do investigador de HistAmérica, Philip Webb

O venres 20 de maio ás 12:00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia, Universidade de Santiago de Compostela) terá lugar a defensa pública da tese de doutoramento do investigador de HistAmérica, Philip Webb.

A tese, titulada «O Paraguai como destino atípico da inmigración española: o caso dos galegos (1850-1960)», foi dirixida pola profesora e coordinadora de HistAmérica, Pilar Cagiao Vila.

O tribunal estará composto por Ramón Villares, Liliana Brezzo e Eva Morales Raya.

Resumo: A tese abarca a inmigración española e particularmente a galega no Paraguai durante o período das grandes migracións transatlánticas. En primeiro lugar, analízanse as características cuantitativas deste fluxo migratorio (o número e o perfil demográfico dos inmigrantes españois ao longo do tempo e en función das distintas rexións de orixe). Abórdanse logo as cuestións cualitativas como a distribución física dos inmigrantes dentro e fóra da cidade de Asunción; os procesos de inserción socio-económica; o papel da man de obra estranxeira na transición paraguaia ao capitalismo trala Guerra da Tripla Alianza (1864-1870); as contribucións dos inmigrantes á política, á sociedade civil e ás artes; ou os seus vínculos con España e coas comunidades de emigrados no Río da Prata a través da prensa, os cónsules e outros mediadores culturais. Os resultados tamén aportan novos coñecementos sobre aspectos da historia paraguaia como a inmigración espontánea nos tempos do presidente Carlos Antonio López (1844-1862), o desenvolvemento da prensa e a literatura decimonónicas, a actividade galeguista do escritor paraguaio Eloy Fariña Núñez nos anos 1920, ou a Legión Civil Extranjera durante a Guerra do Chaco (1932-1935). A conclusión central consiste en que, malia seren poucos numericamente, a influencia dos inmigrantes galegos na historia do Paraguai foi considerable e desproporcionada ao seu pequeno tamaño como colectividade. Non obstante, hai que matizar que os contemporáneos non adoitaban percibilos como un grupo diferenciado dentro da colonia española.

Información

Esta entrada fue publicada el mayo 10, 2022 por en Tesis.
A %d blogueros les gusta esto: